Friday 26 de April de 2024

A Xunta apoia en Culleredo unha unidade formativa orientada ao sector da eficiencia enerxética e axustada á demanda empresarial


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou o curso, que se desenvolve desde xaneiro na empresa Climatex Iberia, e no que se forman 15 desempregados para desempeñar labores de instaladores de equipamentos de climatización

A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está a apoiar en Culleredo o desenvolvemento dunha unidade formativa na empresa orientada ás tecnoloxías do sector da eficiencia enerxética, que conta cunha axuda de preto de 40.000 euros. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou aos alumnos e alumnas do curso denominado Operario polivalente de instalacións climatización, que se imparte na empresa Climatex Iberia. A cualificación que se oferta e, que financia a Administración autonómica ao 100%, está deseñada pola propia compañía e, polo tanto, axustada as súas necesidades.

A unidade formativa conta coa participación de 15 alumnos desempregados. A empresa, a través da iniciativa, ten o compromiso de contratación dun 40% dos participantes.

Marnotes informou na visita sobre a terceira convocatoria deste programa de formación, que conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros para formar a 2000 traballadores e persoas sen emprego en 160 unidades formativas. Do que se trata con esta medida é de dar resposta aos novos perfís profesionais que están xurdindo do novo modelo económico baseado nas novas tecnoloxías. O prazo de solicitude está aberto ata o próximo luns.

Nas Unidades Formativas na Empresa para desempregados investiranse 2 millóns de euros para formar a 1200 parados a través de 80 unidades. Doutra banda, para cualificar a 800 ocupados, destínanse 1,5 millóns de euros para poñer en marcha 80 cursos. No caso do programa para desempregados, a actuación inclúe por parte do tecido empresarial un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida, o que implica 480 persoas.

A Xunta, ademais, apoia as compañías nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%. Os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7000 e 16.000 euros. As contías máximas outórganse para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego como son os parados de longa duración, persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados. Tamén se bonifica con máis apoio nas contratacións cando a empresa está emprazada no rural galego.

No caso do programa para ocupados, as áreas máis destacadas son silvicultura, transformación da madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática.

Balance das convocatorias anteriores
En total, sumando as dúas primeiras convocatorias, a Xunta destina 7,4M€ para formar a 4.360 persoas desempregadas e ocupadas a través de 426 unidades formativas co obxectivo de mellorar a competitividade empresarial, a cualificación dos traballadores, así como a empregabilidade dos galegos e galegas. Ademais, este programa ten permitido a inclusión de 32 novas especialidades, a proposta das empresas, no catálogo formativo do Servizo Público de Emprego Estatal.

Trátase do programa de formación á carta que se imparte en empresas máis ambicioso de todo o Estado e que se enmarca na Axenda 20, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade. Esta iniciativa tamén dá resposta aos obxectivos da Axenda Industria 4.0, que ten como un dos seus retos principais que o sistema formativo se oriente á realidade do tecido industrial, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo galego.

A Coruña
Na provincia da Coruña, as unidades formativas na empresa permitiron a cualificación de máis de 700 desempregados e traballadores a través de 74 unidades e un investimento de máis de 1,1 millóns de euros. No caso das unidades para desempregados, cualificáronse máis de 120 alumnos en 9 cursos e no programa para persoas ocupadas participaron preto de 585 alumnos en 65 unidades.

Ademais, na provincia coruñesa, estase a desenvolver o Plan Galego de Formación que inclúe, cun orzamento de máis de 14,2 millóns de euros, a cualificación de 4860 alumnos e alumnas a través de 324 accións formativas.